jueves, 28 de febrero de 2013

ARTIGO A FAVOR: PORQUE SOMOS O CAMBIO


Ocórreseme un símil entre a reducida sociedade na que vives, que é a túa casa, e o despotismo ilustrado do século XVIII, cando os monarcas entendían o poder como un servizo á monarquía e o benestar da poboación, impulsando a economía do reino e logrando a felicidade do pobo, actuando como uns pais para os seus súbditos. Os déspotas ilustrados dos nosos días son os nosos pais, que pensan e actúan a favor do mellor futuro que poidamos ter, o seu reino é por e para ti, pero só eles teñen voz e voto, papá e mamá gobernan para o pobo, pero sen o pobo.

Ás veces os pais sométennos de tal xeito ao seu goberno total e absoluto que un acaba pensando e facendo o que eles, obviando os nosos propios soños e conformándonos cun futuro que labraremos á marxe do que eran os nosos propósitos, se é que algunha vez os tivemos. Deste xeito, os déspotas ilustrados de hoxe, aínda que coa mellor das intencións, empúrrannos ironicamente ao fracaso, cegados pola convición de que os anos e a experiencia pesan máis que a creatividade e as ideas da nosa mocidade.

Entre eles e nós existe un abismo de diferenzas e ideais, nós somos liberais, soñadores por antonomasia, non temos medo ao cambio e confiamos en que si existen alternativas. Chegados a este punto, un xa non cala e loita como un auténtico neorromántico do século XXI polo seu dereito a decidir e a equivocarse, se é o caso.  Deste modo nacen movementos en defensa dos dereitos das persoas, do medio ambiente e con carácter reformista dentro da política e da economía actual, todos eles impulsados por xóvenes que deciden que o camiño que tomou a sociedade non é o correcto e que  é necesario reinvindicar os problemas que durante anos os nosos adultos ignoraron –véxase o caso do conflicto co medio ambiente- e que hoxe son motivo de protesta a escala mundial.

Ante a cuestión de se a crise axudou a que a xuventude comezase a realizar un consumo máis responsable, é moi sinxelo xeneralizar caendo no erro de dicir que os mozos de hoxe en día  preséntanse pasivos ante a situación que nos tocou vivir; que dentro do seu ámbito de preocupacións, a xuventude só da cabida a un cúmulo de cousas materiais e que ignora por completo os problemas de valores éticos e morais que golpean á nosa sociedade. Paréceme inxusto esta concepción ofensiva cara xuventude, xa que esta, a pesar da pouca confianza que lles dan os adultos, sexan estes os seus pais ou ben os seus políticos, segue loitando para convencer con propostas de cambio a unha sociedade epiléptica, morta. A xuventude non está disposta a seguir camiñando polo sendeiro que os seus pais elixiron e que está cheo de manchóns brunos que tan só conducen cara un futuro insostible e terrorífico. A xuventude decidiu avogar polo cambio, polas novas propostas, por levar a cabo novas alternativas de consumo que sexan consecuentes co noso mundo. A xuventude pensa, é crítica. E aínda que é innegable que hoxe por hoxe formamos parte e contribuímos coa mesma realidade  chea de erros coa que dicimos querer acabar, seguimos sendo o motor de cambio, o SÍ que busca unha nova realidade, un novo estilo de vida.

Cando a xuventude é a que constitúe non só o noso futuro senón que tamén o noso presente, non podemos degradala tachándoa vomo unha panda de lacazáns que se atopan impasibles ante todo o que ocorre. Toca confiar nela, confiar en nós, na xuventude. Porque é innegable que o cambio está nas nosas mans.




Ana Uhía