jueves, 28 de febrero de 2013

ARTIGO A FAVOR: PORQUE SOMOS O CAMBIO


Ocórreseme un símil entre a reducida sociedade na que vives, que é a túa casa, e o despotismo ilustrado do século XVIII, cando os monarcas entendían o poder como un servizo á monarquía e o benestar da poboación, impulsando a economía do reino e logrando a felicidade do pobo, actuando como uns pais para os seus súbditos. Os déspotas ilustrados dos nosos días son os nosos pais, que pensan e actúan a favor do mellor futuro que poidamos ter, o seu reino é por e para ti, pero só eles teñen voz e voto, papá e mamá gobernan para o pobo, pero sen o pobo.

Ás veces os pais sométennos de tal xeito ao seu goberno total e absoluto que un acaba pensando e facendo o que eles, obviando os nosos propios soños e conformándonos cun futuro que labraremos á marxe do que eran os nosos propósitos, se é que algunha vez os tivemos. Deste xeito, os déspotas ilustrados de hoxe, aínda que coa mellor das intencións, empúrrannos ironicamente ao fracaso, cegados pola convición de que os anos e a experiencia pesan máis que a creatividade e as ideas da nosa mocidade.

Entre eles e nós existe un abismo de diferenzas e ideais, nós somos liberais, soñadores por antonomasia, non temos medo ao cambio e confiamos en que si existen alternativas. Chegados a este punto, un xa non cala e loita como un auténtico neorromántico do século XXI polo seu dereito a decidir e a equivocarse, se é o caso.  Deste modo nacen movementos en defensa dos dereitos das persoas, do medio ambiente e con carácter reformista dentro da política e da economía actual, todos eles impulsados por xóvenes que deciden que o camiño que tomou a sociedade non é o correcto e que  é necesario reinvindicar os problemas que durante anos os nosos adultos ignoraron –véxase o caso do conflicto co medio ambiente- e que hoxe son motivo de protesta a escala mundial.

Ante a cuestión de se a crise axudou a que a xuventude comezase a realizar un consumo máis responsable, é moi sinxelo xeneralizar caendo no erro de dicir que os mozos de hoxe en día  preséntanse pasivos ante a situación que nos tocou vivir; que dentro do seu ámbito de preocupacións, a xuventude só da cabida a un cúmulo de cousas materiais e que ignora por completo os problemas de valores éticos e morais que golpean á nosa sociedade. Paréceme inxusto esta concepción ofensiva cara xuventude, xa que esta, a pesar da pouca confianza que lles dan os adultos, sexan estes os seus pais ou ben os seus políticos, segue loitando para convencer con propostas de cambio a unha sociedade epiléptica, morta. A xuventude non está disposta a seguir camiñando polo sendeiro que os seus pais elixiron e que está cheo de manchóns brunos que tan só conducen cara un futuro insostible e terrorífico. A xuventude decidiu avogar polo cambio, polas novas propostas, por levar a cabo novas alternativas de consumo que sexan consecuentes co noso mundo. A xuventude pensa, é crítica. E aínda que é innegable que hoxe por hoxe formamos parte e contribuímos coa mesma realidade  chea de erros coa que dicimos querer acabar, seguimos sendo o motor de cambio, o SÍ que busca unha nova realidade, un novo estilo de vida.

Cando a xuventude é a que constitúe non só o noso futuro senón que tamén o noso presente, non podemos degradala tachándoa vomo unha panda de lacazáns que se atopan impasibles ante todo o que ocorre. Toca confiar nela, confiar en nós, na xuventude. Porque é innegable que o cambio está nas nosas mans.




Ana Uhía

5 comentarios:

  1. Incrible artigo, pel de galiña. Sendo xoven, nesta situacion na que vivimos, escoitar como toda a xente din que non teremos salidas, nin futuro, nin traballo e bastante desmotivante ata que les algo como isto e daste conta de qe verdaderamente o futuro esta nas nosas mans, nas mans de todolos xovenes e que verdadeiramente debemos esforzarnos para conseguir os nosos obxectivos. Boisima comparaciona a do despotismo! Unha vez mais, incrible!

    ResponderEliminar
  2. E agora o importante é, xa que non confían en nós, demostrar que podemos facelo. Que chegue o día en que esta sociedade cambie pero puidendo dicir que foi porque nós fixemos algo por cambiala. E por iso é importante que xente, que xóvenes coma ti sigan expresando os seus soños en textos coma este, para compartilos con aqueles que aínda non se deron conta de que coma ti ben dixeches nós somos o cambio, que nun futuro próximo non vai a haber máis ninguén ca nós e aqueles aos que teremos que educar na maneira apropiada para que estos erros non se repitan. Grazas por escribir.

    ResponderEliminar
  3. Nestes tempos de crise, onde o máis sinxelo sería baixar os brazos ante o panorama desolador do noso entorno. Estamos ver unha xuventude que loita polos seus dereitos, que se alza ante as inxustizas e que non se rende por acadar os seus soños. Este texto é un exemplo máis de que as novas xeracións veñen pisando forte, e teñen claro o que queren e o que non.
    Escoitemos a nosa xuventude, deixemolles que soñen, o progreso en todolos ámbitos comenza por un sono...

    ResponderEliminar
  4. Toda a razón do mundo. Nestes momentos nos que a sociedade pasa por un momento no que se tambalean os cimentos que a mantiveron de pé, nós, a xuventude, somos a xeración que debe salvar o futuro. Nós somos o futuro. De nós depende crear unha sociedade na que todos rememos hacia a nesmas metas. É noso o deber de agora, abrir os ollos a todos os nenos que ven detrás nosa e que se decaten de que non hai un mundo no que os nosos pais pelexan por nós senón que existe un mundo que non deixa lugar a xuventude. E se un mundo, ou unha sociedade, non deixa lugar á xuventude, ese mundo ou sociedade, non pode seguir en pé.

    ResponderEliminar
  5. Ana Uhía, ti tiñas que ser para escribir un texto así. Aplaudo a túa maneira de mirar o mundo. Cantidade de ideas creativas e de persoas válidas acaban repudiadas pola sociedade só por dicir cousas "absurdas" ou que "ningué faria dentro dos seus cabales". Nós non provocámola crise. Non tachen as nosas ideas de sin sentidos, porque vós consentíchedes a crise e as vosas ideas non vexo que solucionen nada. Se o de sempre non funciona, quizáis deberiades escoitar novas propostas das personas que algun día gobernarán o mundo.

    ResponderEliminar